Wikimedia Foundation Confidentiality Agreement for Nonpublic Information

This page is a translated version of the page Legal:Confidentiality agreement for nonpublic information and the translation is 98% complete.

Acordo de confidencialidade - datos persoais non públicos

Fas unha contribución e dás un apoio crucial e valioso para o movemento da Wikimedia, e o éxito dos nosos proxectos depende dos membros das comunidades de Wikimedia autorizadas, coma ti. A cambio, pode ser que che confiemos información non pública e confidencial, incluída información privada de persoas usuarias. Este acordo entre ti e a Fundación Wikimedia reflicte o noso compromiso mutuo por protexer esa información. Ao asinares dixitalmente e enviares este documento, certificas que tes polo menos X anos de idade e recoñeces que revisaches o que pon e que aceptas este acordo de confidencialidade, que se asina entre ti e a Fundación Wikimedia.

Datos persoais non públicos. Os datos persoais non públicos son información privada, incluídos os datos persoais privados das persoas usuarias, que recibes a través dalgunha das ferramentas que se che proporcionaron como membro autorizado dunha comunidade da Wikimedia ou a través doutros membros de igual condición. Os datos persoais non públicos inclúen os "datos persoais" conforme se definen na norma de protección de datos, os enderezos IP e o resto de información de identificación persoal que non está dispoñible publicamente doutro xeito. Non comprende ningunha información persoal dun usuario que el, ela ou ele mesme fixese pública nos proxectos da Wikimedia.

Excepcións aos datos persoais non públicos. Os datos persoais non públicos non inclúen información que (a) xa fose publicamente accesible no momento da transferencia dos datos; (b) que se fixese pública despois da transferencia sen que violases ti a norma; (c) que ti a posuíses antes da transferencia (e que poidas probalo por escrito), e que non formase parte dunha cláusula de confidencialidade dunha norma anterior da Wikimedia; ou (d) que che pedise a lei que a transferises, pero que ti prometas mandarlle recado urxente á Fundación Wikimedia, e que cumpras todas as ordes de salvagarda que rexen esa divulgación.

Membros autorizados da comunidade. Os membros da comunidade autorizados son persoas usuarias da Wikimedia a quen se lles confía, mediante un proceso válido dirixido pola comunidade ou pola Fundación, información rexida pola norma de protección de datos da Wikimedia. Inclúe membros da comunidade con acceso a ferramentas que permiten ver infomación non pública referida a outros usuarios ou a persoas en xeral; membros da comunidade con capacidade para acceder a contidos ou información de usuario que lles foi agochada aos administradores; e desenvolvedores voluntarios con acceso a datos persoais que non sexan públicos. Entre os membros da comunidade autorizados poden estar, por exemplo, supresores, verificadores de usuarios, desenvolvedores voluntarios e outros membros con roles autorizados similares.

Protección da datos persoais que non son públicos. Estás de acordo con:

  • cumprir coa norma de protección de datos, a norma de acceso a datos persoais que non son públicos e calquera outra norma da comunidade aplicable relativa á información non pública que non entre en conflito coas anteriores;
  • absterse de divulgarlle a ninguén datos persoais que non son públicos, agás cando estea permitido con arranxo a esas normas;
  • protexer razoablemente a túa conta para que non che accedan a ela e non cha usen sen autorización;
  • acceder, usar e diculgar datos persoais que non son públicos só cando sexa necesario e estea permitido en función do teu rol como membro autorizado da comunidade da Wikimedia; e
  • explicar no enderezo check-disclosure@wikimedia.org as razóns da divulgación de datos persoais que non son públicos a terceiros, como por exemplo por obriga legal, cando menos 10 días antes da data en que contas con revelar os datos.

Infracción. Estás de acordo en que, en caso de infrinxires este acordo, por exemplo accedendo, usando ou divulgando datos persoais non públicos:

  • avisarás da infracción de inmediato á Fundación Wikimedia;
  • borrarás ou destruirás do xeito que fose todos os datos persoais non públicos que posúas e gardes, en caso de que a Fundación Wikimedia cho indique;
  • o teu acceso aos datos persoais non públicos pode ser revogado; e
  • a Fundación Wikimedia pode perseguir compensacións legais, incluídas medidas xudiciais cautelares ou, no caso dunha acción deliberada, indemnizacións económicas.

Outras disposicións. Tamén estás de acordo con que:

  • este acordo non xera ningún emprego, representación, colaboración ou empresa común entre ti e a Fundación Wikimedia;
  • non podes transferir ou ceder os teus dereitos ou obrigas, conforme este acordo;
  • es a única persoa responsable de como accedes e utilizas datos persoais que non son públicos, e que a túa actividade ou a túa conta pódenas revisar outros usuarios autorizados ou a Fundación Wikimedia; e
  • as leis do estado de California e dos Estados Unidos de América han rexer este acordo (e prevalecerán sobre calquera outra xurisdición).

Interface

Ao escribir o teu nome embaixo, ao marcar na cela e ao premer no botón que di "Asinar o documento" ("Sign Document"), declaras que liches con calma e aceptas este acordo de confidencialidade entre ti e a Fundación Wikimedia. Entre outras cousas, debes:

(1) gardar a confidencialidade dos datos persoais que non sexan públicos, conforme o establecido neste acordo;
(2) solicitarlle á Fundación Wikimedia unha autorización escrita previa se cres que estes datos deben difundírselles a terceiros, por exemplo como resultado dun requirimento legal;
(3) cumprir coa norma de protección de datos da Wikimedia e coa norma de acceso aos datos persoais non públicos; e
(4) proporcionarlle á Fundación Wikimedia un enderezo de correo electrónico válido ligado á conta desde a que vas solicitar os dereitos de acceso.

Textos varios necesarios para a tradución

Ao escribires aí o teu nome, clicar na cela e premer no botón de 'Asina o documento' ("Sign Document"), declaras que lle botaches un ollo detido e que concordas tanto co acordo de confidencialidade entre ti e a Fundación Wikimedia como co acordo de confidencialidade dos voluntarios de atención ao wikipedista. Entre outras cousas, debes:

Acordo de confidencialidade xeral - datos persoais non públicos

Acordo de confidencialidade dos voluntarios de atención ao wikipedista - datos persoais non públicos

Enviar

Páxinas relacionadas coa protección de datos