Archive:Terms of Use 2012/Introduction/gl

Despois dun enorme proceso de edición e comentarios da comunidade, actualizamos os termos de uso da Wikimedia. A nova versión farase efectiva a partir do 25 de maio de 2012.

A actualización dos termos de uso é o resultado dun proceso colaborativo único que incorpora máis de 200 edicións e 4500 liñas de debate. Durante máis de 140 días, a comunidade da Wikimedia revisou, bosquexou e reelaborou as actualizacións propostas para os termos de uso, resolvendo máis de 120 problemas. Nunca antes os termos de uso dun sitio web tan importante foron elaborados a través dun esforzo tan colaborativo e interactivo. O proceso de comentarios e revisión da comunidade para actualizar os termos de uso rematou o 31 de decembro de 2011. O Consello de Administración aprobou formalmente o borrador finalizado dos termos o 6 de marzo de 2012. Entre outras cousas, estes termos inclúen:

  • Mellor comprensión: O acordo actualizado inclúe un resumo de doada lectura para facilitar a comprensión dos termos.
  • Maior seguridade: Os termos actualizados prohiben certas accións (como a instalación de software malicioso), que poidan comprometer os sistemas da Wikimedia. Aínda que estas restricións non representan un cambio na política, achegan claridade en canto aos comportamentos inaceptables.
  • Funcións máis claras: En resposta ás solicitudes de orientación, os termos actualizados aclaran as funcións e responsabilidades da comunidade, entre os que se atopan os editores e colaboradores. Estes termos tamén pretenden proporcionar guías que axuden aos usuarios a evitar os problemas.
  • Máis comentarios da comunidade: O acordo actualizado asegura que calquera actualización futura virá acompañada dun proceso de debate colaborativo. A actualización dá aos usuarios un período de 30 días para realizar os seus comentarios antes de que entre en vigor a nova versión (coa aprobación do Consello). Existe unha excepción de 3 días no caso de cambios legais e administrativos de carácter urxente.
  • Licenzas libres máis claras: Segundo algunhas persoas, os termos de uso anteriores eran confusos ás veces con respecto ás condicións para as licenzas libres. O acordo actualizado intenta explicar dun modo máis claro estes requirimentos aos editores e colaboradores (sen modificar as prácticas actuais).
  • Máis ferramentas contra o acoso, as ameazas, a persecución, o vandalismo e outros problemas recorrentes: Estes termos deixan claro que este tipo de prácticas están prohibidas. Como medida nova na Wikimedia, este acordo actualizado dá a posibilidade de aplicar bloqueos globais en caso de violacións graves en varios wikis, necesidade expresada por un gran número de membros. Malia que os termos de uso autorizan o bloqueo global, esta medida farase efectiva mediante unha política comunitaria.
  • Mellor protección legal: Os termos actualizados incorporan seccións legais que a miúdo se empregan para axudar a protexer un sitio como o noso, cunha mellor explicación do noso estado de almacenamento, ademais de renuncias e limitacións de responsabilidade para a Fundación.

Cómpre dicir que imos á par que outras organizacións co noso mesmo espírito que xa incorporaron acordos similares, entre as que se atopan Internet Archive, Creative Commons, Mozilla Firefox, Open Source Initiative, Project Gutenberg, Linux Foundation, Stack Exchange, WikiSpaces e WordPress.com.

Sen o duro labor e a experiencia da nosa comunidade, este proxecto sería imposible. Celebramos a participación da comunidade nesta iniciativa innovadora, que resultou nos termos de uso elaborados do xeito máis colaborativo como nunca se viu nun sitio web tan importante.