Norma de protección de datos/Glosario de termos chave
Este glosario pretende axudarte con algúns termos da nosa norma de protección de datos que quizais non coñezas moi ben, pero non forma parte da nosa norma de protección de datos oficial. |
Wikimedia Foundation Privacy Policy Glossary of Key Terms
APIs
Unha interface de programación de aplicacións (API, ou application programming interface) é un protocolo de comunicación que lles permite aos compoñentes do software comunicárense entre eles. A API de Mediawiki, por exemplo, permite que as ferramentas de software de entidades externas poidan comunicarse cos proxectos Mediawiki (incluíndo os proxectos da Wikimedia) para realizar determinadas accións, como por exemplo ler ou corrixir unha páxina, de xeito automático e remoto. Consulta a Galipedia para saberes máis.
Navegadores
Un "navegador" é unha aplicación de software que a xente xeralmente usa para acceder á internet. Entre os navegadores máis populares temos Chrome, Firefox, Safari, e o desaparecido Internet Explorer. Podes aprender máis na Galipedia.
Rastros
Un rastro (en inglés, cookie) é un pequeno arquivo de datos que lle metemos ao teu ordenador, ao móbil ou a calquera outro dispositivo que empregues para acceder aos proxectos da Wikimedia. Todos os rastros desaparecen logo dun determinado período de tempo, pero a duración dese tempo varía dependendo de para que se usa o rastro e de como tes configurado o navegador. Un rastro de "sesión" desaparece xeralmente cando pechas o navegador ou a aplicación móbil. Un rastro "persistente" é o que permanece no teu dispositivo, mesmo despois de pechares o navegador ou aplicación móbil. Un rastro persistente desaparece segundo a duración que lle definamos (ou cando o borras manualmente). Se queres saber máis consulta a Galipedia.
Podes eliminar ou desactivar os rastros coa configuración do teu navegador.
Non me rastrexes (Do Not Track)
Os marcadores de "Non me rastrexes" (DNT) son un método que ten o teu navegador de dicirlles aos webs que visitas que non queres que che rastrexen terceiros cuxas webs non visitas, como servizos de análise estatística, plataformas de publicidade e redes sociais. Cando usas este método, o teu navegador envía un sinal que di que non queres que os teus datos persoais, especialmente aqueles sobre as túas actividades na internet e sobre as interaccións que realizas con determinadas redes, se lles pasen a terceiros. Cando a persoa ou a entidade que posúe o web recibe a mensaxe de "non me rastrexes" que lle envía o teu navegador, pode facerlle caso ou pasar da solicitude.
GPS
O sistema de posicionamento global (GPS) é un sistema de posicionamento vía satélite que proporciona localización xeográfica e temporal a dispositivos deseñados para recibir os seus sinais, tales como trebellos de navegación terrestre para vehículos ou móbiles. Le a Galipedia para saber máis.
Enderezo de protocolo de internet (IP)
O enderezo de protocolo de internet (ou enderezo IP, ou simplemente IP) é un número único que se lle asigna a un determinado dispositivo conectado á internet (ou a unha rede). O teu enderezo IP (público) pode non ser sempre o mesmo nun dispositivo concreto, dependendo dunha serie de variables, tales como o uso dun servidor proxy ou dunha rede corporativa (privada). Con todo, os enderezos IP (públicos) son asignados xeralmente de acordo coa localización xeográfica do dispositivo e pódese usar para deducir aproximadamente onde te atopas de verdade. Aprende máis na Galipedia.
JavaScript
Javascript é unha linguaxe de programación normalizada empregada en moitas webs. Le máis sobre ela.
Almacenaxe local
A almacenaxe local, tamén chamada almacenaxe web, é o xeito que ten un web de apañar e almacenar información "localmente" (ou sexa, no propio dispositivo da persoa usuaria, en vez de no servidor da páxina) e despois recuperala de novo. Por exemplo, grazas a ferramentas de almacenaxe local as veces que nos visita unha persoa usuaria poden gardarse no seu ordenador, onde se contan e desde onde se nos envían os resultados deste cómputo. Isto fai que recibamos as estatísticas de uso importantes (o número de visitas), mentres que non nos chegarán datos específicos sobre cando se realizou cada visita individual.
Metadatos
Os metadatos son cachos de información adicional sobre un arquivo específico (como unha foto ou vídeo), que xeralmente se refiren a cousas como o fabricante e o modelo do dispositivo que tirou a foto, a data e a hora en que se tirou, o tempo de exposición, a distancia focal da lente, a clasificación de velocidade ISO e o número F. Algúns metadatos inclúenos automaticamente os dispositivos e outros colócaos a persoa dona do dispositivo. Se queres saber máis, consúltao na Galipedia.
Sistema operativo
Un "sistema operativo" é un programa que xestiona os recursos de hardware (e software) do dispositivo e executa tarefas básicas, como ter os ficheiros baixo control, recoñecer cando escribes algo co teclado, ou publicar resultados de procesos na pantalla. Entre os sistemas operativos máis comúns están Linux, iOS, Windows, Mac OS X ou Android. Podes aprender máis na Galipedia.
Servidores proxy
Un servidor proxy é un tipo de servidor que actúa de intermediario entre dous dispositivos, o teu e outro servidor co que intercambia información (conexións a webs, ficheiros, etc). Le máis na Galipedia.
Píxel de rastrexo
Un píxel de rastrexo (ás veces chamados web beacons, GIFs transparentes, pixel gifs ou pixel tags) é unha pequena imaxe invisible que nos permite rastrexar as actividades nos webs da Wikimedia ou as accións que se desencadean cos avisos de correo electrónico que enviamos. A pesar de que os píxeles de rastrexo se asocian a miúdo coa publicidade, nunca os usamos para publicidade, nin imos vender ou alugar a información que apañamos cos píxeles de rastrexo. A información recollida grazas aos píxeles de rastrexo só pode ser compartida con terceiros de forma agregada e con arranxo ao que se sinala na norma de protección de datos. Os píxeles de rastrexo axúdanos a descubrir se certas funcionalidades, avisos e produtos son eficaces e se podemos melloralos. Podes atopar máis información na Wikipedia.